Manifesto por unha recuperación económica sostible

A crise do COVID-19 é a máis importante á que se está enfrontando a Sociedade desde a Segunda Guerra Mundial, e as medidas urxentes e extremas para loitar contra ela están a ter un impacto tremendamente negativo sobre a economía, que quedou practicamente paralizada.

Para mitigar este efecto, os gobernos están a considerar importantes paquetes de estímulo económico, probablemente os maiores da historia. Pero, como empregar estas axudas? como maximizar o seu valor para a Sociedade? As decisións que tomen os gobernos deberán ser coidadosamente valoradas, porque terán un gran impacto e uns efectos que perdurarán moito no tempo, condicionando a nosa economía durante décadas.

Neste contexto, lanzouse unha iniciativa en Europa de axentes moi diversos, a Green Recovery Alliance (Alianza para unha Recuperación Verde), que defende que as políticas de estímulos deben ser efectivas desde o punto de vista económico e social e, á vez, estar aliñadas coas políticas de sustentabilidade e biodiversidade, que son esenciais.

Esta iniciativa apóiase no Pacto Verde Europeo como estratexia de crecemento baseado en tres alicerces: dixitalización, descarbonización e resiliencia, entendendo que a competitividade e o medio ambiente van da man, porque se non hai sustentabilidade ambiental non hai sustentabilidade económica ou social.

España ten unhas condicións ideais para aproveitar as oportunidades que supón esta estratexia de crecemento para xerar economía e empregos: un enorme potencial de desenvolvemento de enerxías renovables, un capital natural único, unha industria ben posicionada e unha aposta decidida pola eficiencia enerxética.

Neste contexto, os abaixo asinantes apoian unha recuperación cara a unha economía máis sostible e robusta e demandan o establecemento de alianzas entre partidos políticos, empresas, sindicatos, medios de comunicación ONGs e sociedade civil para apoiar e aplicar un paquete de estímulos sostibles, baseado no mellor coñecemento científico e nas mellores prácticas, que permita avanzar cara a unha sociedade máis próspera, sostible, saudable e resiliente.

Consideran que estas cuestións deben tomarse en conta nas formulacións da Comisión do Congreso dos Deputados para a Reconstrución de España tras a crise do Covid-19.

Descargar

Gustaríalle adherirse ao manifesto?

Envíenos os seus datos de compromiso.
ADHÍRASE